Recuperar Proyecto Vincúlate

O proxecto Vincúlate levaba funcionando de maneira ininterrompida dende abril de 2021, cando se puxo en marcha dende o Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Baiona co fin de dar resposta a unha situación común entre a poboación xeral e particularmente infantil e adolescente, relacionada coa dificultade de crear pautas saudables para xestionar as emocións, identificalas, entendelas e saber manexalas para garantir unha correcta socialización.
Entre os participantes do proxecto había rapaces con Trastorno do Espectro Autista (TEA) así como tamén rapaces que, pola súa situación particular ou sociofamiliar, se atopaban nunha situación de vulnerabilidade que dificultaba o seu día a día ou a súa socialización. Eran todos rapaces do Concello de Baiona ou matriculados nalgún centro escolar de Baiona e con idades comprendidas entre 5 e 18 anos .
Os outros protagonistas do proxecto eran os cans de protectora cos que os participantes traballaban. Eran cans que procedían dunha protectora local e que se atopaban en situación de adopción ou acollida.
O proxecto consistía en que cada menor “apadriñara” un animal, o adestrara e o acompañara no proceso de ser acollido ou adoptado por unha familia e era durante este proceso de adestramento, que os rapaces traballaban a súa intelixencia e comunicación emocional.
Nas sesións os rapaces traballaban en parellas e sempre co mesmo can. A través da aprendizaxe das técnicas básicas de adestramento vían a progresión na actitude e nos problemas de conduta do animal, aprendían a manter unha comunicación axeitada tanto a través da linguaxe verbal como xestual e a recoñecer as emocións detrás de certos xestos e comportamentos, así como tamén a enfrontarse a situacións que lles causan estrés, ansiedade,...
Os principais obxectivos a acadar eran :
1. o traballo da xestión emocional e das habilidades sociais
2. O aumento do desexo e da disposición para involucrarse en actividades grupais de traballo en equipo
3. A mellora da autoestima
4. O aumento do sentido da responsabilidade
5. A redución da ansiedade, do estrés e/ou o sentimento de soidade 6. A apertura dun espazo para a expresión de afecto e de sentimentos 7. O aumento dos niveis de atención e concentración
8. A superación de medos
9. A mellora do estado físico
10. O aproveitamento e o coñecemento dos recursos da zona
11. A participación na vida da comunidade.

 

Tendo coñecemento de que o proxecto non se manterá a partir deste mes de setembro e considerando que todo o anteriormente sinalado é importante para os nosos fillos e fillas e para a poboación de Baiona en xeral, tanto as familias como os rapaces que tivemos a sorte de participar neste proxecto, como todos os abaixo formantes, solicitamos non só que se continúe co proxecto senón tamén que se ceda un local axeitado para levar a cabo a actividade nos días que, por motivos climatolóxicos, non se pode levar a cabo na Ladeira.
Consideramos ademais que é a nosa obriga como pais e nais e como poboación, a de solicitar que se manteñan, se amplíen e se melloren os proxectos educativos deste tipo xa que supoñen un ben para a nosa comunidade.


Susana Marcote McDermott    Contactar con el autor de la petición